REFORMA SAN MAMED DE PIÑEIRO

Unha vivenda habitada de estrutura de pedra, reformada hai anos por outra xeración cun estilo de vida diferente que pedía a berros a inminente reforma. Sitúase nunha pequena aldea de Cuntis (Pontevedra).

Os desafíos:

Os espazos diáfanos ou abertos, sen paredes nin obstáculos divisorios favorecen a entrada de luz. Nesta vivenda atopámonos co hándicap de que as xanelas, a pesar de estar ben orientadas e de ter os seus muros abucinados, son de tamaño reducido en proporción ao espazo para iluminar. A isto súmanselle os numerosos tabiques interiores que dividen uns espazos moi fragmentados. A forma da vivenda dificulta e condiciona en gran medida a distribución da reforma.

A vella cociña e o baño han de abrirse camiñando cara a unha reforma imprescindible. Buscar unha funcionalidade da man da estética e potenciar a luz natural son o fío condutor para o comezo do proxecto.

As obras:

Para empezar a reformular os espazos, procédese á total retirada de mobiliario, así como tamén á demolición de tabiques e falso teito. Realízase un rebaixe no chan do cuarto de baño coas drenaxes e a impermeabilización necesaria para evitar problemas de humidades. Os espazos créanse a partir de cero sendo máis abertos, favorecendo á circulación da luz e das persoas.

As instalacións de fontanería, saneamento, gas, electricidade e iluminación renóvanse totalmente. Unha vez feitas a obra, procédese á montaxe do mobiliario de cociña feito a medida, dos electrodomésticos e dos novos aparellos sanitarios no cuarto de baño. Instálanse os novos aparellos de iluminación e o resto de elementos que complementan o conxunto.

· A arquitectura tradicional abre as portas ao interiorismo para crear habitabilidade ·

WhatsApp
Pinterest
Facebook
Twitter
LinkedIn
Telegram

Queres contar conmigo para o teu proxecto?
¡Eu estou lista para cumprir o teu soño!