Chus Sande, Obradoiro Artesanal é unha pequena tenda a pé de rúa no corazón da zona nova de Santiago de Compostela. Un negocio en plena expansión onde conviven os produtos gourmet propios e uns cafés que espertan co seu aroma aos máis madrugadores.
O proxecto:
Atopámonos cun local aberto ao público enfocado a un negocio diferente. Era necesario crear unha nova imaxe, gañar luz e cumprir con todos os requisitos necesarios no menor tempo posible para reabrir as súas portas. O novo deseño e o orzamento se engranaban para dar luz a unha nova ilusión.


O traballo:
O branco e o dourado da imaxe corporativa da marca sería o fío condutor da reforma. Aí xurdiu a inspiración no Kintsugi, unha milenaria técnica xaponesa que consiste en reparar pezas de cerámica con finas cicatrices douradas que fan única cada peza. A isto sumábanselle as madeiras naturais que nos transportan á nosa terra e un gran sentimento de sustentabilidade reciclando parte do mobiliario nunha época marcada polo consumismo.
Para completar a transformación, deseñouse unha vitrina expositora para realzar o produto artesán converténdoo no reclamo que obrigase a unha parada obrigatoria. A iluminación, os vinilos e o resto de elementos adaptábanse ás tendencias actuais, evocando á súa vez un negocio con moita tradición nas súas entrañas.
· Unha verdadeira historia de éxito reflectida na venda en menos de tres meses! ·
