O TRAXE DUNHA VIVENDA
O DESAFÍO:
Os desexos específicos da inmobiliaria foron darlle unha renovación ao piso para tentar vendelo canto antes. Por tanto, decídese aplicar as técnicas de home staging para conseguir máis visitas e provocar o flechazo en futuras ou futuros clientes. O piso situado nunha contorna urbana posuía un gran condicionante para cumprir o reto. As dúas únicas dependencias da vivenda que daban ao exterior abríanse a un patio interior dunha mazá de edificios, ocasionando estancias con pouca luz natural e sen bonitas vistas ao exterior. Unha boa estratexia de decoración era a clave!
O TRABALLO:
Crear unha vivenda nova, deixar voar a imaxinación para crear unha estética renovada e lograr así o obxectivo. As imaxes de interiores luminosos e decorados con mimo, plasman o ambiente cálido e acolledor desta pequena vivenda. Conservouse a distribución orixinal do mobiliario, modificando elementos decorativos en beneficio dun estilo máis eficaz para a configuración dun escenario contemporáneo. As tonalidades escuras das madeiras do mobiliario existente, necesitaban atopar o equilibrio con texturas lixeiras e cores neutras. Había que confeccionar un traxe a medida!
A necesidade de iluminar máis os espazos convertíase na preferencia. Para iso incrementáronse os puntos de iluminación e a súa eficiencia enerxética.
Finalmente, aplicouse o home staging emocional, engadindo elementos que evocasen unha vida feliz no piso para que calquera persoa puidese imaxinarse vivindo nel e para que xerase o desexo de compra.